PITÁGORAS.

IMAXES SOBRE PITÁGORAS

 

    A vida de Pitágoras pode encadrarse, de maneira aproximada, entre os anos 569 e 475 antes de Xesucristo. As referencias a Pitágoras vense sempre envoltas nun certo misterio con connotacións relixiosas. Foi unha especie de profeta ou místico nado en Samos, unha das illas do Dodecaneso próxima a Mileto.

   A pesar de que algunha referencias históricas nos presenten a Pitágoras como un discípulo de Tales, é improbable que se dese tal circunstancia vista a diferencia de medio século existente entre as súas idades. O que si parece ser certo é que, cando tiña arredor de 20 anos, Pitágoras coñeceu a Tales en Mileto.

   Esta relación puido contribuír a incrementa-lo interese de Pitágoras polas matemáticas e a astronomía e, sobre todo, decidiuno  a viaxar a Exipto para profundar neses coñecementos.

   Así, pois, Pitágoras viaxou a Exipto e Babilonia onde debeu asimilar non só coñecementos matemáticos e astronómicos senón tamén relixiosos. .

   Cando regresou ó mundo grego, estableceuse en Crotona, na costa sudoeste do que hoxe é Italia e daquela coñecida como Magna Grecia. Alí fundou unha sociedade secreta con bases relixiosas, matemáticas e filosóficas.

   A escuridade que rodea a figura de Pitágoras é debido, basicamente a dúas razóns. Por unha parte, a perda das biografías que se escribiron sobre el; por outro lado, o carácter secreto da orde que fundou. A súa sociedade era de tipo comunal polo que non se podía atribuír ningún descubrimento a un membro concreto da escola. Os descubrimentos realizados eran asignados ó mestre.

   Para entrar no grupo, de réxime vexetariano e politicamente conservador, os aspirantes tiñan que superar penosas probas. Vestían de maneira moi humilde.

   A escola pitagórica chegou a adquirir tanto poder, que as autoridades ordenaron a súa destrucción. As súas instalacións foron queimadas e os membros dispersados ou asasinados. Pitágoras tivo que fuxir.

   Os pitagóricos afirmaban que tódalas cousas coñecidas teñen un número asociado. O descubrimento da existencia de números non racionais fixo treme-las bases das súas crenzas.

 

IMAXES SOBRE PITÁGORAS

[DOG Anterior]

VOLVER