COMARCA DO SALNÉS
 
 Comarca do Salnés entre as rías de Arousa e Pontevedra. Abrangue os concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Sanxenxo, Ribadumia e máis a illa de Ons do concello de Bueu. Ten unha extensión de 7.490 ha.
 
 
  Accesos:
 Vía Rápida do Salnés (VRG41) dende a autoestrada A-9 ata Sanxenxo. Rodea toda a zona a C-550. Ponte á Illa de Arousa.

Descrición:
Nos mapas antigos O Grove era unha illa. Uniuse á península do Salnés non con pontes humanas como A Toxa ou A Illa de Arousa, que esas son outras historias, senón coa enxeñería mariña e os ventos do sudoeste. Creouse paseniño o istmo da praia da Lanzada cun máximo de dous quilómetros de ancho por uns catro de lonxitude. Detrás deste areal e o rico sistema dunar asociado esténdese un amplo recinto de lama, fondos areosos e pradeiras de vexetación mariña, desa ensalada de algas chamada seba, o mellor fertilizador para os chans de viñedo. É a marisma do Vao, suxeita ó ritmo das mareas, na que aboian media ducia de illas das cales a meirande é A Toxa (1,5 km 2 ). Á diversidade do sistema intermareal únese a desembocadura do Umia e o extremo sur da Illa de Arousa acompañada de tódolos seus illotes e cons Xidoiros. Esta variedade de hábitats atrae unha morea de aves acuáticas invernantes, converténdose este espacio natural nun dos mellores enclaves peninsulares para a súa observación. Non faltan as praias, ata un cento se contamos polo censo popular. A toponimia galega non deixa nada sen bautizar dende tempos remotos, como testemuñan os vestixios arqueolóxicos (necrópole de Adro Vello, San Vicente do Grove) ou a tradición pagá do baño feminino e nocturno das nove ondas contra a esterilidade e o meigallo xunto a ermida cristiá da Lanzada. A mellor panorámica deste espacio natural, que é un dos máis diversos de Galicia, obtense dende a Siradella (159 m), un dos puntos máis altos do Grove.
 FLORA: Especies intermareais somerxidas e flotantes. Abunda a Zostera marina e Z. Noltii. Flores endémicas.
 FAUNA: Aves acuáticas, cullereiro (Platalea leucorodia), gabita (Haematopus ostralegus), pirlo curlibico (Calidris alpina) e píllara cincenta (Pluvialis squatarola).
 M.A.N.: Centro de Interpretación da Siradella. O Grove. Tel.: 986 680 284 Punto de Información en Punta Carreirón. Seis observatorios ornitolóxicos e cinco rotas