Documento
1 
Distribución temporal e metodoloxía no estudio das nosas árbores.
Outubro será o mes adicado ó Castiñeiro (nº1), novembro ó Alcipreste (nº2), decembro ó Loureiro (nº3), xaneiro á Alfaneira (nº4), febreiro ó Mandarino, marzo ó Plátano (nº5), abril ó Chopo branco (nº6), maio o Chopo negro (nº7) e xuño ó Salgueiro (nº8).
Na primeira clase de cada mes, cada un dos grupos lerá a información contida no documento de presentación das árbores.
Rematada a lectura comprensiva da información, correspondente á árbore do mes, todo o alumnado fará os exercicios "online".
A segunda clase será para facer o traballo en equipos.
Cada grupo de clase formará catro equipos:
Equipo 1: Formado polos tres primeiros alumnos/as da lista. Será o encargado de facer os debuxos das árbores, follas, flores e froitos, utilizando o programa Tux Paint ou escaneando debuxos feitos a man. Asumirá o papel do botánico no estudio das árbores.
Equipo 2: Formado polos tres seguintes. Resumirá as informacións sobre a orixe, historia, introducción no país... e tamén as lendas e tradicións atopadas nas ligazóns propostas ou facendo uso dos buscadores. Utilizará o programa Abiword. Este grupo será o historiador no traballo final.
Equipo 3: Os tres alumnos seguintes resumirán toda a información atopada sobre as propiedades da madeira, dos froitos, das follas... ou da árbore enteira, a utilidade ou propiedades beneficiosas para a conservación bioambiental. Utilizará o programa Abiword e representará ó ecoloxista.
Equipo 4: Os catro alumnos/as deste equipo terán que buscar sobre a influencia desta árbore na cultura, ditos e refráns, poemas e cancións, contos e tradicións populares. Utilizará o programa Abiword e vai ser o escritor no traballo final.
Cada un dos equipos elaborará o seu informe de maneira que ó remate do traballo podan xuntarse as informacións do botánico, o historiador, o ecoloxista e o escritor, para dar unha información axeitada e sinxela ós distintos cursos que non estean a facer este traballo. Trátase de que a árbore quede perfectamente identificada para todo o alumnado e que do coñecemento xurda o respecto e coidado de tódalas árbores.
Tódolos traballos quedarán gardados nas carpetas de documentos compartidos, agás dos feitos con Tux Paint, que deben levar o nome do equipo e curso ó que pertence, para poder identificalos no arquivo común onde garda os documentos este programa. Informarase na clase dos traballos que deberán ser enviados a través da plataforma de teleformación.